O grupo de teatro de Ribeira debuta con ‘Cousas’ de Castelao

RIBEIRA> Unha trintena de actores e actrices conforman o grupo municipal de teatro de Ribeira que hai algo máis dun ano dirixe Óscar Romero. O seu debut terá lugar o sábado 29 coa adaptación de Cousas de Castelao. A montaxe sorprenderá ó espectador pola súa ambientación na Galicia labrego mariñeira de principios de século XX. A sucesión de personaxes que se dan cita nunha taberna da aldea compoñen o fío argumental da obra que narra a forma de vida da época a través de relatos do cotiá. A intención do grupo é ademais recuperar os alcumes antigos dos propios actores como valor engadido. Ademais do grupo de adultos, dende a concellería de Cultura buscan a creación dun grupo infantil para nenos de entre sete e doce anos.