RIANXO> O alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, informou dunha nova actuación de mellora de servizos. Neste caso a obra permitirá a ampliación da rede de abastecemento no lugar de Corques, na parroquia de Taragoña. As obras teñen un orzamento base de licitación de 103 mil euros e irán con cargo ó Plan Único da Deputación da Coruña.
Na actualidade o lugar de Corques, na parroquia de Taragoña, carece de rede pública de abastecemento de auga, polo que se facía necesario acometer esta actuación e dar resposta así ás necesidades dos veciños da zona, dotándoos de conexión á rede xeral. Pero ademais da obra en sí, a actuación permitirá tamén achegar este servizo básico á outra parroquia veciña, neste caso a do Araño.
Non será a única obra de mellora de abastecemento na parroquia de Taragoña. O Concello ten previsto acometer tamén a mellora do servizo de auga municipal ós núcleos de Outeiro, Fachán e a Coviña.