Retómase o ‘Poio móvese’ cunha ruta polos petróglifos da Caeira

POIO> Volven as rutas do ‘Poio Móvese’. Tralo parón estival, o concello retoma a iniciativa con dúas novas andainas. A primeira delas, a Ruta da Arte, vaise celebrar este mesmo domingo, facendo un percorrido polos petróglifos da Caeira.

Poio móvese e volve botarse ó monte para percorre-los recunchos de maior interese do municipio. O programa municipal de andainas retómase este domingo, despois do parón das vacacións de verán. A iniciativa volve con forza, cunha ruta protagonizada polos petróglifos da Caeira que leva por nome ‘A ruta da Arte’.

A actividade será de balde e sen límite de prazas. Con todo, dende o concello recomendan inscribirse previamente, a través de deportes.poiomovese@concellopoio.gal. O límite será mañá ás dúas da tarde. Se desta volta non poden participar, saiban que o programa de rutas ofrece aínda outra oportunidade o 28 de setembro, coa ruta da Ría.

Estas dúas propostas súmanse ás tres xa organizadas antes do verán. Dende o Concello fan xa unha valoración máis que positiva deste conxunto de rutas que permiten descubrir Poio dun xeito diferente.

Dados os bos resultados de participación colleitados neste primeiro Poio Móvese, de cara ó ano que vén, o Concello avanza que volverá repetir experiencia.