Un gran niño de vespa asiática preocupa os veciños de Tragove

CAMBADOS> Un niño de vespa velutina preocupa os veciños da zona de Tragove, en Cambados. Hai máis de mes e medio que o detectaron, instalado nun eucalipto a unha altura de 40 metros. Esta ubicación fixo que, ata o de agora, os medios que hai na área non permitan a súa retirada.

Os veciños de Tragove, en Cambados, están preocupados e enfadados. Hai máis dun mes e medio que nun eucalipto próximo ás súas vivendas instalouse un niño de vespas velutinas.

Neste tempo o niño non parou de medrar e a preocupación dos veciños tamén se incrementa. Nunha casa pegada á finca na que está o niño vive un neno alérxico ás picaduras de vespa, e estes insectos xa protagonizaron outros ataques na zona.

Mentres recorren a remedios caseitos, denuncian que xa deron avisos a Xunta, Mancomunidade e Concello, pero que ata o de agora non recibiron ningunha solución.

E é que a altura á que se atopa o niño, a uns 40 metros nun eucalipto, fai que os medios que existen na zona sexan insuficientes.

Por iso dende a Mancomunidade explican que haberá que recorrer a solucións máis imaxinativas para rematar coa situación que viven estes veciños de Tragove.

Segundo explican dende o ente comarcal, hai preto de 10 niños de velutina que presentan dificultades para a súa retirada como este de Tragove. A pesares disto, informan que están a retirar un media de 14 diarios recorrendo a medios propios.