VILAGARCÍA> Vilagarcía quere mellora-la seguridade nas rúas peonís. O Concello estuda instalar cámaras de videovixilancia para garantir que só accedan ás vías libres de coches aqueles vehículos con permiso. A intención do goberno local é minimiza-los problemas e evitar que os condutores menos cívicos fagan un uso indebido das rúas peonís.
A convivencia entre os vehículos e os peóns sempre resulta complicada, moito máis se a rúa é peonil. Para evitar problemas e garanti-la seguridade dos viandantes, o Concello de Vilagarcía estuda instalar medidas de seguridade nas rúas pechadas ó tráfico. E todo para garantir que por elas só circulen aqueles vehículos autorizados, como residentes ou reparto.
Para poñerlle couto a esta problemática, agora Ravella traballa na posta en marcha de novos sistemas que eviten unha circulación indiscriminada de vehículos polas rúas peonís. Sobre a mesa, polo de agora, hai dúas opcións: pivotes ou cámaras de videovixilancia. Segundo avanza o rexedor, esta última solución é, a día de hoxe, a máis probable.
O último incidente grave que se rexistrou nunha zona peonil tivo lugar en Vista Alegre: unha anciá resultaba ferida grave ó ser golpeada por un camión de reparto. O alcalde entende que este feito desafortunado non se debería mesturar coa incorporación de novas medidas de seguridade nas rúas peonís.
Polo de agora, a falta da posta en marcha desas novas medidas de acceso ás zonas peonís, son os axentes da Policía Local os encargados supervisar estas zonas e, no seu caso, sancionar a aqueles condutores que aproveiten para atallar co seu coche por onde non está permitido.