O alumnado do colexio de San Tomé protagonizará o Día Interncional da Nena en Cambados

CAMBADOS> Este vindeiro xoves vaise celebra-lo Día Internacional da Nena, unha data na que promoven os seus dereitos humanos e que serve tamén para denuncia-las desigualdades que sofren en todo o mundo, só polo feito de naceren nenas. Na nosa contorna, vanse celebrar varios actos conmemorativos en distintos concellos. Un deles é Cambados, onde os nenos e nenas do Colexio de San Tomé participarán nunha solta de globos.

No mundo hai 62 millóns de nenas sen escolarizar e outros 30 millóns en risco de sufrir mutilación xenital na vindeira década. Cada sete segundos, un nena menor de 15 anos é obrigada a casar nalgún lugar do planeta. Son só algúns datos da realidade á que se teñen que enfrontar moitas nenas no Mundo, só polo feito de ter nacido nena.

Para denuncia-las duras desigualdades que sofren e reivindica-los seus dereitos, cada 11 de outubro celébrase o Día Internacional da Nena, unha conmemoración á que se suman tamén moitos concellos. É o caso de Cambados: o vindeiro xoves, os nenos do colexio de San Tomá lerán un manifesto e farán unha solta de globos na Praza do Concello.

A nosa contorna tampouco é allea e este tipo de discriminacións. Na nosa sociedade aínda perviven, a día de hoxe, moitos estereotipos de xénero pendentes de erradicar.

O obxectivo é que, no futuro, este Día da Nena non se teña que seguir celebrando. Iso significaría que nenos e nenas conviven en igualdade nunha sociedade xusta. Ata que iso se consiga, a conmemoración desta data é unha aportación moi importante na loita pola igualdade.

A lectura do manifesto e a solta de globos terá lugar este xoves ás 11 da mañá, de xeito simultáneo nos Concellos de Cambados, Meis, Ribadumia e Vilanova. Ademais, ese mesmo día pola noite, as fachadas dos consistorios deses catro municipios tinguiranse de rosa para conmemorar esta data.