O alcalde de Ribadumia reta ao PP a xudicializar a situación da Pousada

RIBADUMIA> O alcalde de Ribadumia convida ó Partido Popular a que leve a situación da Pousada ós tribunais se consideran que o Concello está poñendo trabas á súa licenza de apertura. O rexedor acusa ós anteriores gobernos locais e provinciais do bloqueo legal no que se atopa o inmoble, construído sobre terreos da Igrexa. Unha situación complicada de resolver, segundo cre o rexedor, na que traballan dende hai tempo tanto o Concello como a Deputación de Carmela Silva.

O goberno local e a Deputación de Pontevedra traballan man a man para resolve-la situación legal na que se atopa a Pousada de Ribadumia. Das catro postas en marcha polo anterior goberno provincial, esta é a que presenta, aínda a día de hoxe, un futuro difuso. Está construída en terreos da Igrexa e, polo tanto, o Concello non pode concede-la licenza de apertura. Aínda que resolver esta situación non é doado, tanto o goberno local como o ente provincial levan tento tentando regulariza-la construción para evita-lo seu deterioro ou, incluso, o peor dos desenlaces: que teña que ser derruída.

Para o rexedor ribadumiense hai unha cousa que está clara: tanto o anterior goberno local como a anterior Deputación pontevedresa fixeron as cousas mal. O alcalde apunta que tanto o goberno de Carmela Silva como o seu están movendo Roma con Santiago para que a Pousada poida abri-las súas portas con todas as da lei.

O rexedor cre que o PP non debería critica-la situación da Pousada porque, segundo di, son eles os responsables da actual situación. Convida ós populares a que leven a situación da Pousada ós tribunais se consideran que o Concello está poñendo trabas á concesión da licenza para a súa apertura.

O Concello dáse ata finais de ano para tentar monta-lo crebacabezas legal da Pousada. Ademais da de Ribadumia, hai outra das catro construcións aínda pechada: a Pousada de Meaño que, segundo está previsto, abrirá no mes de novembro.