A Operación Concha, unha rede de extracción e venda de marisco ilegal con destino ás Rías Baixas

GALICIA> Ata un cento de negocios e particulares de Arousa vendían vieira tóxica procedente de dúas organizacións que a extraían na ría de Ferrol. O produto era distribuído na comarca por un veciño de Vilagarcía e outro de Meis. Este entramado acaba de ser desmantelado grazas á Operación Concha, que se salda, polo de agora, con oito detidos e outras 44 persoas máis investigadas.

A operación contra o furtivismo na ría de Ferrol saldouse con oito persoas detidas. As capturas ilegais distribuíanse despois nas Rías Baixas. Facíase a través dun veciño de Vilagarcía e doutro de Meis, que se encargaban despois de coloca-lo produto en máis dun cento de negocios hostaleiros e particulares da ría de Arousa. En moitos casos, o marisco tiña un índice de toxina amnésica que superaba ata en catro veces os niveis permitidos. É o caso, por exemplo, das vieiras comisadas no marco desta operación: unhas 2.000 unidades.

Segundo as investigacións, entre Ferrol e as Rías Baixas estableceuse unha intensa frecuencia de transporte de vieiras, con dous ou tres viaxes á semana. Calcúlase que se comercializaban entre 2.000 e 3.000 vieiras á semana.

Ese produto remata, por exemplo, en Meis, dende onde operaba o considerado como principal distribuidor en Arousa. Este intermediario, segundo as pesquisas, operaba dende a súa propia casa, sen ningún tipo de control sanitario. Alí almaceba, fresco ou conxelado, o produto para despois vender a establecementos do sector hostaleiro e mesmo particulares.

As primeiras investigacións que derivaron agora nesta Operación Concha arrancaron no 2016. Daquela, axentes do Equipo de Resposta Policía da Policía Nacional detectaron un grupo de persoas faenando nunha zona pechada para a extracción por mor da toxina. Ese foi desencadeante que culminou agora con 8 persoas detidas na comarca de Ferrolterra e outras 44 persoas que están a ser investigadas.

Os furtivos están acusados dun delito contra a flora e a fauna, pertenza a grupo criminal e tráfico de xénero corrompido. Os distribuidores están imputados tamén por un delito contra a saúde pública.