Os concellos da Coruña recibirán máis dun millón de euros para promover a igualdade

A CORUÑA> Os concellos da provincia da Coruña recibirán neste 2014 máis de 1,2 millóns de euros para a promoción da igualdade. O proxecto está cofinanciado polo Fondo Social Europeo e, neste senso, A Coruña será neste exercicio a provincia cun maior número de axudas, acadando o 35,73% dos 3,4 millóns de euros destinados a toda Galicia. Seguindo coa senda establecida o pasado ano, esta nova convocatoria reforza a prioridade dos proxectos de xestión compartida, o que significa un incremento da puntuación e, polo tanto, un aumento da subvención para os concellos que tiveran presentado solicitudes conxuntas. Así, na provincia recibirán axudas ata 8 proxectos de xestión compartida, que agrupan a un total de 28 concellos: As achegas concedidas distribúense en tres liñas de actuación: Programas de promoción da igualdade entre homes e mulleres e de prevención e tratamento integral da violencia de xénero, programas de fomento da conciliación e programas de apoio aos centros de información á muller (CIM). Con estas axudas, o Goberno galego pretende pór en valor o papel relevante das entidades locais na difusión do principio da igualdade e transmitir a coordinación e colaboración existente entre as Administracións autonómica e local, ao considerar que as entidades locais son os axentes idóneos para desenvolver iniciativas tendentes a garantir a igualdade entre mulleres e homes, previr a violencia de xénero e favorecer as condicións de conciliación da vida persoal, familiar e laboral, por ser as administracións máis próximas á cidadanía e máis coñecedoras da situación específica dos seus veciños e veciñas.