O PP pide a creación dunha comisión informativa sobre as denuncias dos concellos á Deputación

Pontevedra> O PP pedirá no pleno de outubro que se cree unha comisión informativa especial para investigar os motivos das demandas xudiciais que varios concellos da provincia, coma Sanxenxo, A Lama ou Vilanova, teñen presentado contra a Deputación.

O PP provincial anunciou esta mañá que ten presentada unha moción para o próximo pleno da Deputación na que solicita a creación dunha comisión informativa especial na que se investiguen e avalíen as razóns das demandas que distintos concellos da provincia están a presentar contra a institución. Esta comisión debería informar ademais sobre a evolución de cada demanda.

Os populares lembraron que concellos coma o de Sanxenxo, a Lama ou Vilanova xa presentaron denuncias nos xulgados e teñen constancia de que hai outros que tamén as están a preparar.

As razóns destas denuncias son, segundo o voceiro popular, o reparto desigual e as irregularidades cometidas no Plan Concellos.

Para os populares, que esta moción non se levase a debate do pleno sería mostra dunha falta de transparencia por parte do goberno provincial.

O pleno da Deputación celebrarase o vindeiro venres 26 de outubro.