‘Festa, circo e propaganda’: así resume o PSOE de Poio o primeiro ano de Moldes na alcaldía

POIO> O Partido Socialista de Poio é contundente ao facer balance do primeiro ano do Partido Popular no goberno con Ángel Moldes como alcalde. A formación considera que foi un tempo perdido para o municipio, e asegura que se limitou a circo, festa e propaganda. Tamén denuncian que o actual executivo é moito máis caro que o anterior, do que eles formaban parte. Hoxe, Gregorio Agís asegurou que, despois deste primeiro ano de marxe ao novo goberno, os socialistas farán unha oposición construtiva pero rigorosa.

O Partido Socialista de Poio suspende ao goberno do Partido Popular. Para o seu voceiro, Gregorio Agís, este primeiro ano de mandato de Ángel Moldes foi un tempo perdido para o municipio.

Agís chama a atención sobre o cambio na postura que, asegurou, experimentou Moldes ao pasar da oposición á alcaldía.

Para o voceiro socialista, trátase dun goberno presidencialista con escaso peso das concellerías. Cre Agís que os populares descoñecen por completo a xestión pública, acúsaos de falta de transparencia e asegura que aínda non puxeron en marcha ningunha iniciativa.

Transcorrido este primeiro ano de mandato, dende o Partido Socialista advirten de que farán unha oposición construtiva pero máis rigorosa.

Os concelleiros socialistas acusaron ao executivo de Ángel Moldes de falta de xestión en cuestións como a Illa de Tambo, o coidado do espazo público ou en materia de cultura e igualdade.