O socialista Iván Puentes preséntase oficialmente como alcaldable para construír ‘A Pontevedra que vén’

PONTEVEDRA> Iván Puentes xa é oficialmente o candidato do Partido Socialista á alcaldía de Pontevedra. Este sábado, na praza da Ferrería, o alcaldable daba formalmente un paso adiante. Baixo o lema ‘A Pontevedra que vén’, Puentes defendeu a súa como a única alternativa real, fiable e con experiencia de goberno demostrada para arrebatarlle o bastón de mando a Miguel Anxo Fernández Lores.

Arroupado polos pesos pesados do Partido Socialista en Galicia, Iván Puentes presentou esta fin de semana de xeito oficial a súa candidatura á alcaldía de Pontevedra.

Segundo Puentes, as eleccións do vindeiro mes de maio serán históricas na cidade. Baixo o lema ‘A Pontevedra que vén’ o socialista preséntase como o futuro da vila e contrapón o seu proxecto ao de Miguel Anxo Fernández Lores que, asegura, é o pasado.

O alcaldable socialista, natural de Fene, confesou ser un namorado de Pontevedra. Cidade na que vive dende hai 25 anos.

A Praza da Ferrería foi o escenario escollido para a presentación. Moitas caras coñecidas do Partido Socialista participaron no acto, entre elas o secretario xeral da formación en Galicia, Valentín González Formoso, e a presidenta da Deputación, Carmela Silva.

Puentes estivo tamén acompañado polos alcaldes da Coruña, Lugo, Santiago, Ferrol e Vilagarcía, por deputados no Congreso e por outros cargos do PSOE en Pontevedra.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí