AECC ‘saca peito’ e pon o foco sobre a vulnerabilidade económica e social que provoca o cancro de mama

PONTEVEDRA> O día de hoxe está tinguido de rosa no calendario. O 19 de outubro é o Día Mundial da Loita contra o Cancro de Mama, unha xornada que se conmemorou por todo o alto en Pontevera. A Asociación Española contra o Cancro organizou varias actividades na Praza do Concello, para poñer o foco na vulnerabilidade que xera esta enfermidade aos seus pacientes. Convidándonos a todos a sacar peito contra ela.

Ela é Raquel. En maio  foi diagnosticada de cancro de mama tras detectarse un vulto en abril e o seu é un dos testemuños entre os milleiros de persoas ás que se lles diagnostica esta enfermidade cada ano.

Co gallo do Día Mundial da Loita contra o Cancro de Mama, a Asociación Española contra o Cancro quixo poñer xa non só o foco na enfermidade. Tamén na vulnerabilidade que xera.

Para concienciar desta situación, a asociación pon en marcha a campaña ‘Saca peito’ e recorda os servizos que ofrecen a pacientes e familias: dende atención psicolóxica a programas de inserción laboral, pasando por todo tipo de asesoramentos ou un banco de perrucas.

Raquel tamén puxo en valor o papel que a asociación tivo na súa vida tras coñecer que tiña cancro. Ademais, quixo destacar a importancia da autoexploración.

Na provincia de Pontevedra están diagnosticadas de cancro de mama 23.076 persoas. Ao redor de 10.000 recibiron atención psicolóxica de profesionais da Asociación Española contra o Cancro e outras 5.000 dos servizos sociais da entidade.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí