PONTEVEDRA> Xornada clave no calendario de protestas iniciado polo cadro de persoal do Hospital Quirón Salud Domínguez de Pontevedra. Esta mañá, o comité de empresa estaba citado a unha reunión con representantes da dirección chegados dende Madrid. A súa intención era trasladarlles o descontento do persoal cos últimos despedimentos e co peche de servizos. Antes do encontro, concentráronse ás portas do hotel onde se ía celebrar para demostrar a unión dos traballadores.
Día importante para os traballadores do Hospital Quirón Salud Domínguez de Pontevedra. A empresa escoitou unha das súas reclamacións e representantes da dirección de Madrid viaxaron ata a cidade para reunirse con eles.
A reunión celebrouse no Hotel Rías Bajas. Ás portas agardaba aos directivos unha concentración do cadro de persoal. Os traballadores aproveitaron a reunión para intentar aclarar o futuro do hospital e evitar novos despedimentos e novos peches de servizos.
O proceso de dixitalización, empregado para xustificar os oito despedimentos, e a necesidade de realizar estes despedimentos en base a criterios obxectivos de categoría profesional e antigüidade, foron outras cuestións que os traballadores levaban na orde do día.
Para coñecer os resultados desta reunión haberá que agardar ao xoves. Será entón cando o comité convoque aos traballadores a unha asemblea xeral para trasladarlles o contido do encontro. Se o balance non fora satisfactorio, a intención é continuar coas mobilizacións.











