Ravella reparará ‘canto antes’ os danos causados na praza de Galicia pola condutora bébeda

VILAGARCÍA> O Concello de Vilagarcía tentará arranxar, canto antes, os danos ocasionados durante esta fin de semana por unha condutora que se esnafrou contra un dos bancos de formigón instalados na zona peonil. A muller, unha veciña de Vilanova, triplicaba a taxa de alcolemia.

Pasaron catro meses dende a súa inauguración, pero a Praza de Galicia terá que someterse agora a un pequeno arranxo. O motivo: unha condutora bébeda que irrompeu na zona peonil, esnafrando o seu vehículo contra este banco de formigón, situado na rúa Padre Feijóo.

Os feitos tiveron lugar contra as 8 e media da mañá de onte. A muller circulaba pola rúa Edelmiro Trigo e, no canto de xirar á dereita cara á praza da Independencia, fíxoo cara á esquerda, cara a Praza de Galicia, como se podía facer ata hai uns meses.

O resultado: o seu vehículo estampado contra unha das estruturas que delimita os estanques. Dende o Concello avanzaban hoxe que tentaran arranxa-los danos o antes posible, tendo en conta a gran cantidade de xente que frecuencia agora a zona.

A condutora que provocou estes danos é unha veciña de Vilanova de 36 anos. A muller triplicaba a taxa de alcol permitida, dando 0,75 miligramos por litro de aire. O alcalde da cidade reitera unha mensaxe repetida unha e mil veces dende hai anos: alcol e coche non son compatibles.

A pesar da aparatosidade do sinistro, a condutora resultou ilesa.