VILAGARCÍA> A veciñanza de Carril está moi indignada porque na inauguración da capela de Cortegada non se contou con eles. Os colectivos da zona amosan o seu malestar coa Xunta por non telos convidados a un acto ao que asistiron os conselleiros de Cultura e Medio Ambiente. Na asociación veciñal falan dunha ‘falta de respecto a Carril’, máis aínda tendo en conta a histórica loita social para recuperar a illa para o pobo.
Estas imaxes corresponden á visita que fixeron a semana pasada á illa de Cortegada a conselleira de Medio Ambiente e o de Cultura logo da rehabilitación da capela, que a Xunta quere converter nun centro de recepción de visitantes e punto de difusión cultural. Este acto non sentou nada ben entre a veciñanza de Carril.
Din estar molestos e indignados polo ocorrido, máis aínda tendo en conta a historia da illa e da loita social para recuperala para o público.
O colectivo, así e todo, ve con bos ollos os usos futuros que se lle van dar á capela, motivo desa visita dos dous conselleiros. Cren que é unha boa oportunidade para Carril, pero reivindican que sirva tamén para recuperar a súa historia.
A asociación veciñal está valorando enviar un escrito de queixa á Xunta, contemplando facelo de forma conxunta con outros colectivos sociais. A visita tamén molestou ao concello de Vilagarcía porque a ela tampouco se convidaron ás autoridades municipais porque, din dende Ravella, máis alá de afinidades políticas hai uns protocolos que hai que cumprir. O BNG tamén emitiu hoxe un comunicado lamentando o que consideran uso partidista por parte do PP dun acto en cortegada do que, din, quedaron excluidos os que deberían ter sido os auténticos protagonistas: os veciños e veciñas de Carril.











