A nova biblio das Covas ten unha convidada especial no Día da Biblioteca

MEAÑO> Os cativos do colexio de As Covas, en Meaño, teñen moito que dicir nun día coma hoxe. A nova conselleira de Educación, Carmen Pomar, visitou o centro meañés no Día da Biblioteca, e foron os pequenos os encargados de recibila e ensinarlle onde pasarán ese día tan sinalado para o seu colexio.

O Día da Biblioteca celebrase en España a instancia da Asociación de Amigos do Libro Infantil e Xuvenil. A estreada conselleira de Educación, Carmen Pomar, visitou por primeira vez O Salnés dende que asumiu o cargo, para celebrar esta data, nunha das bibliotecas máis modernas e educativas da contorna.

A conselleira afirmou que a consigna escollida neste 2018 apunta cara a biblioteca escolar, os seus recursos e posibilidades como un lugar privilexiado para estimular o descubrimento da poesía, que se atopa en todos os lugares: nas paisaxes, na música, no cine, na palabra dos poetas, na tradición oral ou no último descubrimento científico.

Unha emisora de radio, unha zona audiovisual, zona de lecturas, de xogos, de vídeo, informática ou uns grandes coxíns para sentarse a ler, así é esta biblioteca meañesa. A alcaldesa amosou moi congratulada co resultado de esta renovación.

Dende o centro amósanse moi satisfeitos con estas melloras e afirman que este debería ser o modelo a seguir.

Carmen Pomar destacou durante a súa visita o bo facer da biblioteca do CEIP Plurilingüe de Meaño-As Covas, un referente de boas prácticas, tanto pola implicación das familias, como por unha organización dos espazos e tempos escolares de carácter innovador, coa biblioteca como eixo central de toda a actividade.