PONTEVEDRA> Profesionais de enfermaría e fisioterapia mobilízanse para salvar a Atención Primaria. Esta mañá manifestáronse diante do centro de saúde da Parda para reclamar que se remate coa sobrecarga de traballo e a precariedade que sofren. Recordan que estas cuestións afectan, finalmente, á atención que recibe o paciente.
Os profesionais de enfermaría e fisioterapia din basta xa. O colectivo denuncia o grave deterioro que está a sufrir a Atención Primaria e reclaman que se poña fin á sobrecarga de traballo que sofren.
Esixen tamén que se atopen solucións ao aumento das listas de espera, que poidan ter máis tempo para atender a cada paciente e que se remate coa supresión paulatina de programas de prevención e promoción da saúde.
Hoxe concentráronse diante do centro de saúde da Parda. Mobilízanse, aseguran, para salvar a a Atención Primaria. E é que recordan: o abandono deste servizo afecta finalmente á atención que reciben os pacientes.
Por iso demandan que se desbloquee a tramitación parlamentaria da Lei de Seguridade do Paciente. Tamén que se poña en valor o traballo dos profesionais de enfermaría e fisioterapia no sistema sanitario.
A mobilización respondeu a unha convocatoria do sindicato SATSE en Galicia, que se reproduciu de xeito simultáneo en todas as capitais de provincia.