Presentan no concello o proxecto para iniciar a urbanización da Finca do Teucro

PONTEVEDRA> Varias operacións urbanísticas comezan a tramitarse en Pontevedra. Entre elas, a máis importante a que afecta á Finca do Teucro, a parcela de preto de 13.000 metros cadrados entre as rúas Arcebispo Malvar e a Avenida de Uruguay. Os promotores xa presentaron no concello o proxecto para ubanizar as zonas verdes e os espazos públicos da zona.

Danse os primeiros pasos para converter a antiga Finca do Teucro nunha área residencial. A parcela conta con máis de 13.000 metros cadrados e sitúase entre as rúas Arcebispo Malvar e a Avenida de Uruguay. O proxecto permitirá gañar máis de 3.000 metros cadrados para o espazo público da cidade. Inclúe zonas verdes, unha pista polideportiva e unha nova praza como zona de convivencia.

Poranse a disposición do concello os case 4.200 metros cadrados de viais perimetrais e unha das seis parcelas edificables nas que se divide a finca, de case 1.900 metros cadrados. As outras cinco suman unha superficie de case 19.000 metros cadrados. Aquí o Sareb, promotora da actuación, planea construír un máximo de 190 vivendas. O investimento roldará os 1,1 millóns de euros.

Ademais, hai outras tres operacións inmobiliarias que comezarán próximamente na cidade. Plantexan a demolición de tres edificios para construir novas vivendas: o número 3 da rúa Arquitecto de la Sota, o 22 de Echegaray e os números 18 e 20 de Travesía de Eiriña.

O concello xa concedeu as licenzas para as actuacións en Echegaray e Arquitecto de la Sota. No caso dos edificios de Travesía de Eiriña, aínda están en tramitación.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí