PONTEVEDRA> Facer fronte a calquera discurso negacionista sobre a violencia machista. Este foi o chamamento que lanzou dende Pontevedra o Ministro do Interior. Visitou a cidade para participar nunhas xornadas con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Fernando Grande-Marlaska amosou tamén a súa solidariedade coa ministra de Igualdade fronte aos ataques dunha deputada de Vox, que asegurou que o único mérito de Irene Montero fora estudar en profundidade a Pablo Iglesias.
O Ministro do Interior foi o encargado de clausurar esta mañá en Pontevedra unhas xornadas con motivo do Día Internacional da Violencia contra as Mulleres. Dende a Deputación pontevedresa, Fernando Grande-Marlaska fixo un chamamento a enfrontar os discursos negacionistas.
Segundo o ministro, dende que no 2007 comezou a funcionar o sistema Viogén, abríronse máis de 750.000 casos, deuse protección a máis de 600.000 vítimas e fixéronse máis de cinco millóns e medio de valoracións por parte da Policía Nacional e da Garda Civil.
A preguntas dos xornalistas, Fernando Grande-Marlaska amosou tamén a súa solidariedade coa ministra de Igualdade fronte aos ataques dunha deputada de Vox, que asegurou que o único mérito de Irene Montero fora estudar en profundidade a Pablo Iglesias.
Ademais, na súa intervención o ministro do Interior destacou o papel fundamental das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado na protección das vítimas de violencia machista.