Fernández Lores confirma no xulgado intentos de agresión durante o escrache de ENCE

PONTEVEDRA> O escrache de traballadores de ENCE e representantes de Comisións Obreiras ao goberno do concello de Pontevedra chegou aos xulgados. Tras revisar o informe da Policía Local, o xulgado de instrución número 1 decidiu abrir dilixencias penais para investigar o suceso. Hoxe foi chamado o alcalde a prestar declaración como testemuña. Á súa saída, Miguel Anxo Fernández Lores advertiu que non se vai deixar acovardar.

O xulgado de instrución número 1 de Pontevedra xa investiga o escrache dos traballadores de ENCE e sindicalistas de Comisións Obreiras ao goberno municipal o pasado 11 de marzo. Faino tras recibir o informe da Policía Local sobre o peche dos manifestantes nas dependencias municipais de Michelena 30.

O alcalde compareceu hoxe como testemuña. Miguel Anxo Fernández Lores explicou que ratificou os feitos recollidos no parte policial.

Segundo recorda o rexedor, os manifestantes seguíronnos ata o aparcadoiro. Alí continuaron os episodios de violencia.

A pesares desta situación, o concello non ten previsto, cando menos polo de momento, personarse na causa. Así as cousas, a tramitación seguirá adiante ao actuar o xulgado de oficio.

Fernández Lores apuntou que non é a primeira vez que se producen incidentes con Comisións Obreiras e os traballadores da pasteira polo conflito de ENCE. En concreto, referiuse ao peche que protagonizaron nun pleno, interrompendo a sesión durante varias horas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí