VILAGARCÍA> A Fundación ONCE e o Concello de Vilagarcía irán da man para logra-la inserción laboral de persoas con discapacidade. Esta mañá, asinouse un convenio de colaboración entrambas entidades que permitirá impulsar, de xeito estable diferentes programas e accións. O alcalde aproveitou tamén para facer un chamamento ó tecido comercial e empresarial da cidade para que conten nos seus negocios con persoas con discapacidade.
A colaboración entre o Concello de Vilagarcía e a Fundación ONCE pasará de ser puntual a constante. E todo grazas á sinatura dun convenio de colaboración que busca a inserción laboral de persoas discapacitadas na localidade. Será a través dos programas Inserta Emprego que a ONCE financia a través de fondos europeos.
O convenio contempla distintas accións e programas cun fin concreto: conseguir que as persoas discapacitadas teñan as mesmas oportunidades para atopar un emprego. As accións máis inmediatas nas que se están a traballar pasan por almorzos con empresarios, ou actividades centradas no emprendemento.
Para o alcalde de Vilagarcía, este convenio de traballo conxunto entre o Concello e a Fundación ONCE conseguiu converter en estable as colaboracións puntuais entrambas entidades. Alberto Varela aproveitou para facer un chamamento á implicación comercial e empresarial da cidade.
Tódalas actividades que se impulsen a través deste programa terán un custo ‘cero’ para as persoas con discapacidade que participen.