'Galaicos' exponse xa no Museo Arqueolóxico Nacional

MADRID> O ministro de Cultura, José Guirao, e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, inauguraron esta mañá “Galaicos. Un pobo entre dous mundos” na que se pon en valor, de forma didáctica e explicativa, a importancia e sofisticación da cultura galaica e do seu territorio como un dos puntos estratéxicos da prehistoria e historia antiga. Durante o acto déronse cita tamén o director xeral de Belas Artes, Román Fernández-Baca, que presidiu a rolda de prensa de presentación da mostra, o director do Museo Arqueológico Nacional, Andrés Carretero, e os alcaldes de Cuntis, Manuel Campos, de Silleda, Manuel Cuíña, de Vilagarcía, Alberto Varela, da Guarda, Antonio Lomba, así como a concelleira de Ribadumia María do Pilar Martínez. Tamén asistiron deputadas e deputados e senadoras e senadores galegos; o director da Casa de Galicia en Madrid,  José Ramón Ónega López; o presidente de SEGITTUR, Enrique Martínez; o director general de Museos da Junta de Andalucia, Marcelino Sánchez, así como directores e directoras doutros Museos do estado, empresarios, persoal investigador do CSIC e medios de comunicación.

A presidenta da Deputación, que amosou sentirse “profundamente emocionada”, destacou que coa mostra “todas e todos poderán descubrir que eramos unha sociedade aberta e moi creativa, e cunha posición privilexiada, a catro días de navegación de Cádiz e de Cardiff, que nos situaba no centro do intercambio comercial e cultural da prehistoria e historia antiga”. Deste xeito, “Galaicos. Un pobo entre dous mundos” concíbese de xeito divulgativo, tal e como manifestou Carmela Silva, para “contarlle ao mundo que as e os galaicos eramos moito máis que as e os habitantes do noroeste peninsular, que queremos romper o tópico de pobo pouco desenvolvido para que se coñeza a historia da provincia de Pontevedra, a historia de homes e mulleres que herdamos unha historia e cultura digna de ser contada”.

Durante a rolda de prensa de presentación da exposición Carmela Silva informou que, ata o momento, e segundo establecen cronistas das campañas romanas, Galicia era coñecida como unha sociedade matriarcal e democrática. Sen embargo, “pouco se dixo da nosa posición estratéxica como punto de entrada de mercadorías, costumes e ideas, como lugar de confluencia entre o mundo Atlántico e o Mediterráneo”, indicou a presidenta. Precisamente isto, tal e como asegurou Silva, é o que pretende esclarecer “Galaicos. Un pobo entre dous mundos”.

Pola súa banda, o director xeral de Belas Artes, Román Fernández-Baca, enxalzou que a exposición “é algo máis que unha mostra de obxectos, é unha mostra de fecundidade cultural, de paisaxes, de patrimonio e emocións, na que as persoas son protagonistas”. Tamén subliñou o valor da exposición para poñer de manifesto a interconexión cultural entre o Mediterráneo e o Atlántico, “que traspasou a barreira do tempo ata facerse presente hoxe con Galaicos, unha excelente oportunidade para compartir o que nos une e admirar e recoñecer o que nos diferenza”.

Neste mesmo eido afondaron os comisarios da mostra, Antonio Nicolau e Rafael Rodríguez. En concreto, Nicolaudetacou que “Galaicos. Un pobo entre dous mundos” demostra que na época castrexa “o que estaba lonxe da cultura e do comercio non era a costa atlántica, senón que o que estaba lonxe era o centro peninsular da meseta”.  Tamén afondou nesta tese Rodríguez, quen manifestou que “foron as pedras e tamén a terra que extraemos das nosas escavacións as que falaron e transformaron todas aquelas teorías que coñecíamos”, ata o punto de que traballo realizado nos xacementos da provincia, sobre todo a partir do ano 2.000, permitiu sacar á luz o carácter estratéxico da provincia de Pontevedra na prehistoria e antigüidade.

“Galaicos. Un pobo entre dous mundos” chega a Madrid co obxectivo de reivindicar unha das culturas máis orixinais e creativas da Idade de Ferro do Occidente de Europa. Desde o 31 de outubro e ata o mes de febreiro, o Museo Arqueolóxico Nacional en Madrid acollerá esta mostra itinerante da Deputación de Pontevedra que percorrerá os principais museos españois ao longo do próximo ano.

A Deputación de Pontevedra seleccionou “Galaicos” como nome da exposición por facer referencia á denominación coa que a civilización romana denominaba aos pobos que habitaban no Noroeste peninsular. Xunto a Galaicos, “Un pobo entre dous mundos” reivindica o carácter da provincia de Pontevedra como bisagra entre o mundo Mediterráneo eo Atlántico e que converten a este pobo nunha das arquitecturas da Idade de Ferro máis espectaculares e mellor conservadas da Península Ibérica.

Os comisarios da mostra, Rafael Rodríguez eAntoniNicolau, configuraron unha exposición a modo de viaxe, iniciándose a través dun audiovisual que establecea conexión entre a cultura atlántica y a mediterránea ao longo da prehistoria e historia antiga. Posteriormente, “Galaicos. Un pobo entre dous mundos” artéllase arredor de cinco ámbitos cronolóxicos: Campesiños e guerreiros. Idade do Bronce Final (1.500 -800 a.C.); Poboados fortificados da primeira Idade do Ferro (800-400 a.C.); O Atlántico ábrese ao Mediterráneo (400 -19 a.C.); Na esfera de Roma: Gallaecia (séculos I-III) e a provincia de Gallaecia (finais do século IV-século VI).

En cada un destes ámbitos inclúese un texto introdutorio coas claves do período histórico; obxectos representativos de cada etapa como o casco de Leiro, a estela de guerreiro de Castrelo do Val, o puñal da Lanzada, a diadema de Elviña, a ara do Monte do Facho ouo brazalete de Meis; e datos de xacementos arqueolóxicos como A Cabeciña, Penalba, A Lanzada, Santa Trega, Monte do Castro, Castro de Alobre, Castrolandín, Monte do Facho, Toralla, Salinas de Vigo, Adro Vello. Para finalizar, a exposición proxecta un audiovisual concibido como unha viaxe pola paisaxe e patrimonio a través dos xacementos arqueolóxicos da provincia de Pontevedra.

Ao longo dopercorrido de “Galaicos. Un pobo entre dous mundos” é posible ver 65 obxectos arqueolóxicos, réplicas, imaxese fotografías, así como 21 ilustracións, textos e recursos audiovisuais. En concreto, a exposición presenta dous audiovisuais, sete proxeccións asociadas a obxectos do mundo atlántico e mediterráneo que aparecen en xacementos galaicos, así como 24 vitrinas que ocupan 210 metros cadrados de exposición. Ademais, para a súa posta en marcha a Deputación de Pontevedra contou coa participación de 10 museos galegos e de comunidades limítrofes e 12 empresas implicadas.

“Galaicos. Un pobo entre dous mundos” presenta pezas inéditas das intervencións arqueolóxicas nas que está traballando a Deputación de Pontevedra en colaboración co Ministerio de Fomento. A mostra tamén conseguiu sacar á luz pezas que nunca tiñan saído de museos como o de Pontevedrae outros moitos elementos que levan máis de 15 anos sen abandonar o museo no que están depositados.

A Deputación de Pontevedra concibiu a exposición de forma itinerante de tal modo que, desde Madrid, o punto de partida,viaxaráata oMediterráneo, concretamente a Valencia, etamén ata o Sur, a Xaén, para regresar finalmente ao Museo dePontevedra. Deste modo, o percorrido itinerante da mostra pretende transmitir a principal idea da exposición: a civilización galaica como confluencia de tradicións culturais e comerciais entre o mundo Atlántico e oMediterráneo.