“Os Palleiros” colabora cun programa de adestramento de cans para atención terapéutica

PONTEVEDRA> A Asociación “Os Palleiros” colaborará con ADA nun programa  de adestramento de cans para atención terapéutica de persoas con diversidade funcional. Os animais seleccionados na canceira municipal participarán en intervencións asistidas con profesionais formados neste tipo de terapias.

Cans e cadelas da protectora “Os Palleiros” participarán en intervencións asistidas para colectivos con diversidade funcional. Os animais serán seleccionados na protectora e alí mesmo traballarán con eles voluntarios formados en terapias con cans 2 días á semana.

Este adestramento previo facilitará que a adaptación ó traballo posterior sexa máis doada.

Os cans que participen no programa, ademais de participar en sesións terapéuticas, poderán ser acollidos polas familias.

Os animais achegarán ós destinatarios deste programa compaña e apoio emocional, aparte dos avances que poidan acadar nas intervencións asistidas deseñadas para cada persoa.

A presidenta de “Os Palleiros” aproveitou para facer balance de adopcións do ano en curso, que non está a resultar moi bo: rexistráronse 224 entradas e foron adoptados 109 cans e cadelas.

Os Palleiros editará un calendario 2019 para recadar fondos para o sostemento da protectora. Co título “Miradas”, é o traballo final do Ciclo de Fotografía de Rebeca Manzanedo, que cedeu á asociación os dereitos de uso.

O calendario solidario poderase adquirir por 6 euros na propia canceira, no mercadillo que organizarán o 10 de novembro,e na tenda “Pequeños y adorables”, na rúa San Xosé.