Máis de setenta adegas “emocionan” dende Barro

BARRO> Barro viviu esta fin de semana “A Emoción dos Viños”. O evento cumpriu a súa oitava edición estreándose no Pazo da Crega, e congregando preto de 70 adegas de toda España e de Portugal. Unha cita na que os amantes dos viños puideron coñecer elaboracións moi diferentes, ás que é case imposible de acceder noutros circuítos.

Barro deixouse emocionar esta fin de semana. Barro e os centenares de asistentes que pasaron polo Pazo da Crega, atraídos por unha proposta difícil de rexeitar: poder catar as elaboracións de 70 adegas diferentes chegadas de toda España e Portugal.

A Emoción dos Viños celebrou os seus oito anos dende Barro. A cita naceu en Tui e, tralo paso o ano pasado por Celanova, este ano escolleu o municipio pontevedrés como escenario. Neste tempo, tense convertido nunha das citas máis importantes do calendario vitivinícola.

O evento prolongouse durante toda a fin de semana. O sábado a media mañá celebrouse a apertura oficial, coa asistencia da presidenta da Deputación e do alcalde de Barro. Carmela Silva e Xosé Manuel Fernández Abraldes destacaron a importancia dunha cita destas características. Tamén o peso do viño na nosa cultura.

Os asistentes recibiron unha copa serigrafada que lles serviu de ferramenta para comezar a súa viaxe polos diferentes viños. Ademais, as probas estiveron acompañadas polas explicacións dos adegueiros responsables da súa elaboración. Un privilexio do que poucas veces se pode desfrutar.

Elaboracións das diferentes Denominacións de Orixe galegas compartiron espazo e experiencias con outras chegadas do Penedés, de Chiclana de La Frontera, de Jerez ou dos Vinhos Verdes de Portugal.

Tamén a proxectos especiais e innovadores, como o caso de Anónimas Viticultoras.

Como non podería ser doutro xeito, Barro tivo representación nesta importante cita. As adegas do concello destacaron a importancia de acoller unha cita destas características.

E é que se hai algo no que coincidiron todos os asistentes, foi na importancia desta Emoción dos Viños.

Unha oportunidade para poñer a traballar, e a gozar, os cinco sentidos. E por que non, para deixarse emocionar.