RIBEIRA> A tres días da celebración das eleccións municipais o futuro é incerto en moitos concellos do Barbanza. É o caso de Ribeira, onde a irrupción de novas forzas políticas augura unha corporación máis fragmentada ca nunca.
Á marxe da entrada de novas forzas progresistas como Suma Ribeira ou Compromiso por Galiza, a principal incógnita está no reparto do voto de dereita. A irrupción do novo Partido Barbanza Independente, formado por ex-integrantes do Partido Popular e Cidadáns, supón unha ameaza para o actual executivo liderado por Manuel Ruiz.
As enquisas outorgan una grande porcentaxe de intención de voto a esta formación que no caso dalgunhas sondaxes mesmo superan o PP. Pero a división vai moito máis alá do enfrentamento entre forzas políticas.
A publicación dun artigo no xornal de tirada nacional ABC, sinalando ó exalcalde popular Xosé Luís Torres Colomer como promotor da nova forza conservadora, non fixo máis que avivar a polemica. Ademais da división do voto, o enfrentamento entre os dous partidos foi orixe tamén de numerosos memes e publicacións que se fixeron virais a través das redes sociais. A propia confraría da Dorna elaborou unha videomontaxe satírica que correu como a pólvora entre a veciñanza.
Así as cousas haberá que agardar ó próximo domingo para coñecer o resultado das eleccións en Ribeira nas que non se prevén maiorías absolutas senón unha corporación moi fragmentada que deberá buscar consenso para conseguir un goberno estable.