PONTEVEDRA> O concello propón a apertura do primeiro andar da Praza de Abastos polas tardes, ata as dez e media, e durante a fin de semana. Así o recolle o documento coas bases para a adxudicación dos postos, que se abre agora a debate co fin de poder realizar a licitación pública nunhas tres semanas e ter o Mercado funcionando a pleno rendemento en xaneiro de 2019.
Comeza o período de debate sobre o documento de licitación pública dos postos do primeiro andar do Mercado pontevedrés. En total son 36 os ocos vacantes, que se reparten en 23 unidades, xa que algunhas agrupan o espazo de 3 postos.
O borrador das bases recolle que o destino dos postos non pode entrar en competencia directa cos da planta baixa.
Os criterios para a adxudicación serán técnicos, ata 49 puntos, e económicos, ata 51 puntos.
O que seguramente sufra variacións será o horario. Aínda que o documento recolle proposta do concello, haberá unha reunión cos actuais praceiros, xa que poderán adherirse á apertura polas tardes. Contémplase tamén a posibilidade de ampliar o horario nos meses de verán.
Os postos adxudicaranse en réxime de autorización por un ano, prorrogable por tres anos máis, para posteriormente optar á concesión. O custe para os adxudicatarios dividirase en dous tramos: o canon de concesión, de algo máis de 350 euros na categoría máis alta, e a taxa de servizos, de case 89 euros na opción máis cara.
O documento enviarase ós diferentes grupos políticos e ós actuais concesionarios da Praza de Abastos, para que fagan as súas achegas de cara a elaborar o documento definitivo. A previsión é que nunhas 3 semanas se poida levar a Xunta de Goberno para sacar a licitación. En xaneiro de 2019 debería estar funcionando o Mercado a pleno rendemento.
A concelleira de Promoción Económica considérao unha oportunidade de ouro para recolocar a Praza de Abastos no mapa e dinamizar este equipamento público.