Sanidade limita a dez persoas os grupos nas terrazas e xeraliza a PCR ou o certificado de vacinación no ocio nocturno

GALICIA> Nesta nova situación epidemiolóxica a Xunta dá un paso atrás na relaxación das restricións. Volven limitarse as reunións entre non conviventes na hostalería: o máximo será de dez en terraza e de seis no interior, de obrigado cumprimento. Nas casas como nos espazos públicos estas limitacións dos grupos serán únicamente, polo de momento, recomendacións. Tamén hai cambios no ocio nocturno: os locais deberán pedir PCR negativa ou certificado de vacinación en toda Galicia.

A Xunta bota o freo de man na relaxación das restricións, cun plan para frear os contaxios entre a mocidade.

A partires deste sábado, en Galicia volverá reducirse o número de persoas non conviventes que se poden xuntar na hostalería. Mentres que no interior o máximo se manterá nos seis, en terraza baixa dos 15 aos 10. Tamén continuará en vigor o precinto das zonas nas que se producen concentracións.

Seis persoas en interiores e dez en exteriores é tamén o recomendado nas reunións noutros espazos públicos e nos domicilios. Nestes casos non é de obrigado cumprimento.

As novas medidas do comité chegan tamén ao ocio nocturno. A PCR negativa nas últimas 48 horas ou o certificado de vacinación que xa eran obrigatorios nos locais de concellos do nivel medio, pasarán a ser un requisito nos establecementos de municipios do medio-baixo.

Será a partires do martes, día no que tamén se habilitará o sistema de autocita para un cribado PCR en todas as áreas sanitarias.

Ademais, a Consellería de Sanidade estuda coa de Cultura que as esixencias de proba diagnóstica ou certificado de vacinación se apliquen nalgúns concertos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí