AJE entrega os premios Xove Empresario do Ano

PONTEVEDRA> Livetopic, asesoría financieira online, e Coverwind, prestadora de servizos para a industria eólica, foron os proxectos gañadores dos premios Xove Empresario e Xove Emprendedor do Ano outorgados por AJE Pontevedra. O premio honorífico foi concedido a Francisco Barbeito, presidente de Pontevedresa Group.

O Sexto Edificio do Museo de Pontevedra foi o escenario elixido para a gala de entrega dos Premios Xove Empresario do Ano, organizada pola Asociación de Xoves Empresarios de Pontevedra. Ó acto asistiron, entre outros, o alcalde pontevedrés, Miguel Anxo Fernández Lores; o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda; e a subdelegada do goberno, Maica Larriba.

O Premio Xove Empresario do Ano recaeu en Coverwind, que poderá facer uso dunha oficina ou nave no polígono industrial de Barro-Meis por un ano prorrogable a dous, ademais de recibir un ordenador persoal e unha beca na Galicia Business School.

O galardón ó Xove Emprendedor do Ano foi para Livetopic, que terá aloxamento gratuíto durante un ano no viveiro de empresas do Consorcio da Zona Franca de Vigo. Ademais recibiu un ordenador persoal e unha beca na Galicia Business School.

Tamén foron recoñecidas as empresas O Graneiro de Amelia, adicada á alimentación e venda de produtos a granel, cun Accésit á Innovación Alimentaria; Galitec, centrada na construción de instalacións deportivas, co Accésit á  Creación de Emprego; e Versos da Ruda, de repostería en fresco, co Accésit á Innovación.

Tódalas candidaturas podían optar a un dos espazos ofertados pola Cidade da Cultura, que foron para os emprendedores Aí falaches e BreathinGalicia.

No acto tamén se fixo entrega do Premio Honorífico, que este ano foi concedido a Francisco Barbeito, fundador de Cristalería Pontevedresa.

O peche da entrega correu a cargo do Presidente da Confederación Española de Asociacións de Xoves Empresarios, que destacou a cultura emprendedora existente en Galicia e lembrou que os emprendedores son o motor do avance económico e social. Insistiu en que o talento e o espírito emprendedor hai que fomentalo dende idades temperás.

Ó acto asistiron máis de 200 persoas entre autoridades e empresarios.