Arranca ‘Eu son, nós imos’, a campaña para fomentar a mobilidade e a autonomía infantil en Pontevedra

PONTEVEDRA> Fomentar a mobilidade e a autonomía infantil na cidade. É o obxectivo de ‘Eu son, nós imos’, a nova compaña posta en marcha dende o concello de Pontevedra. O proxecto comezará mañá mesmo, traballando este curso co alumnado de cuarto de primaria dos colexios Vidal Portela, Froebel e Álvarez Limeses. Ademais de intervencións nas aulas, a programación contempla actividades fóra dos centros e mesmo coas familias.

‘Eu son, nós imos’ é a nova campaña impulsada dende o concello de Pontevedra. Unha iniciativa que ten por obxectivo promover a autonomía da rapazada á hora de moverse pola cidade.

A campaña nace como un complemento das charlas de formación que imparte a Policía Local nos colexios da cidade. Desenvolverase en tres eixos, promovendo a autonomía infantil na casa, na escola e na rúa. Así, ademais das actividades nas aulas e na rúa coa rapazada, con saídas polos arredores dos seus colexios, celebraranse tres sesións incluíndo as familias.

Intervencións en pasos de peóns e un gran evento final, cunha actividade conxunta cos tres colexios para gozar do espazo público, completan a proposta. A campaña comezará mañá mesmo, traballando co alumnado de cuarto de primaria dos centros Froebel, Álvarez Limeses e Vidal Portela.

Para participar nas tres actividades familiares é necesario inscribirse. Os interesados poden facelo na web Apúntante do concello de Pontevedra.