O concello mellorará a seguridade en Corvillón cunha rotonda e unha senda peonil

CAMBADOS> Cambados mellorará a seguridade viaria en Corvillón. O concello actuará na estrada provincial que une a parroquia con Tragove. O proxecto contempla a creación dunha rotonda no coñecido como “cruce da Pica”. Tamén habilitarán unha senda peonil no vial ata o porto.

Cambados mellorará a seguridade viaria no coñecido como “cruce da Pica”, na parroquia de Corvillón. A actuación substituirá o illote actual por unha rotonda que mellore a circulación.

O treito no que se actuará corresponde á estrada provincial entre Corvillón e Tragove. Neste vial o concello tamén habilitará unha senda peonil, para facilitar o tránsito dos peóns.

Esta intervención suporá tamén a mellora da sinaléctica do entorno, ademais da instalación de tres pasos de peóns elevados para o calmado do tráfico.

Cambados quere incluír toda a obra no Plan Concellos 2019, cun orzamento de 96.500 euros. Está previsto que se execute ao longo do vindeiro ano.