Etiqueta Negra reúne en Pontevedra ó gourmet galego

PONTEVEDRA> Un cento de produtores participarán na terceira edición da feira do gourmet galego, Etiqueta Negra. O evento, que se celebrará entre o 10 e o 12 de novembro, converterá ó recinto feiral pontevedrés no epicentro da gastronomía do país. Chefs coma Pepe Solla, Lucía Freitas, Iñaki Bretal, Héctor López, Rómulo Mendoza ou Diego López elaborarán en vivo receitas con produtos galegos.

O Recinto Feiral de Pontevedra encherase a vindeira fin de semana con propostas gourmet. Aínda que o evento conta tan só con tres anos de vida, é xa unha cita consolidada para empresas e produtores do sector, así coma para profesionais da alimentación, restauración e distribución, sen esquecer ós consumidores.

Este ano participarán un 35% máis de expositores e están previstas máis de 300 reunións de traballo.

Elaborando receitas con sabor auténtico a Galicia, con produtos galegos de alta calidade, estarán prestixiosos chefs.

Os centros de formación de hostalería estarán tamén presentes. O CIFP Carlos Oroza de Pontevedra amosará creacións deseñadas e elaboradas polo alumnado de 1º e 2º curso do ciclo medio de Panadaría, repostaría e confeitaría, e alumnos de xestión hoteleira e guía turística actuarán como azafatos e azafatas.

Como novidade, o “Espazo Etiqueta” acollerá este ano varias actividades de formación dirixidas ao público xeral e a profesionais do sector. A participación nestes talleres ten un prezo de 12 euros e require inscrición e pago previos. Celebraranse cursos sobre o aceite de oliva, dous talleres de cociña mexicana, un taller de barista, outro de empratado e outro sobre o uso das  redes sociais para difundir as creacións culinarias.

Etiqueta Negra permanecerá aberta, en horario ininterrompido, o sábado e domingo de 11.00 a 21.00 horas e o luns ata as 20.00 horas.