PONTEVEDRA> Unha emprendedora pontevedresa está detrás de Lume’n. Un proxecto que busca levar a enerxía solar a zonas consideradas na actualidade de exclusión. María Casero deseñou uns paneis de pequeno tamaño que se poden instalar detrás de calquera fiestra. Mesmo nos edificios dos cascos históricos das cidades.
Equipar os edificios dos cascos históricos das cidades con enerxía solar era misión imposible. A Unión Europea considera estes espazos como zonas de exclusión. Un impedimento co que quere rachar a pontevedresa María Casero. Ela deseñou un prototipo de panel solar de menor tamaño que se pode instalar en calquera fiestra.
Casero bautizou o proxecto como Lume’n. Naceu da súa propia experiencia, cando quixo buscar alternativas enerxéticas para a vivenda que a súa avoa ten na zona vella pontevedresa.
Ademais dos paneis solares, o sistema conta cunha torre de transformación que se encarga precisamente de converter a enerxía solar en eléctrica. Co equipamento axeitado, podería cubrir por completo as necesidades dunha vivenda.
O seu funcionamento está garantido. Mesmo nos días nubrados, Casero asegura que os paneis captan a enerxía suficiente para abastecer a batería.
Ademais trátase dun sistema transportable e totalmente reciclable. Actualmente esta emprendedora ultima os trámites burocráticos para comezar a comercialización dos paneis, chamados a levar a enerxía solar a puntos que ata o de agora a normativa mantiña na sombra.











