PONTEVEDRA> A provincia de Pontevedra rexistrou unha ocupación media do 54,5% en establecementos hoteleiros durante o mes de outubro, e do 54% durante a ponte de novembro. No que se refire ó turismo rural a porcentaxe foi do 30% en outubro e do 53,1% na ponte.
A comarca de Pontevedra acadou un 70% de ocupación hoteleira tanto no mes de outubro coma na ponte de Todos os Santos, e na comarca do Salnés rexistrouse un 57% o mes pasado e un 56% no primeiro de novembro.
Eventos coma a feira Conxemar ou a Festa do Marisco conseguiron un cheo absoluto.
En canto ó perfil do visitante, a maioría proviña do resto do estado, aínda que se incrementou a porcentaxe de turistas internacionais, acadando un 26%.
A idade do turista oscilou entre os 35 e os 60 anos maioritariamente, e aloxáronse na provincia entre 4 e 5 días. O 52% acudiu a Pontevedra motivado pola oferta cultural e de ocio.
A presidenta da deputación destacou que os resultados reflicten un avance cara a desestacionalización, que anima a seguir apostando por un turismo máis sustentable, internacionalizador, de calidade e centrado no conxunto do territorio, non unicamente na costa.










