Cambados renderá homenaxe a Cabanillas polo seu cabodano

CAMBADOS> Cambados conmemorará, como xa é tradición, o Cabodano de Ramón Cabanillas. O acto vai ter lugar este venres e inclúe a entrega de premios da primeira edición do concurso ‘Cambados Mar de letras’. Ademais, presentarase de xeito oficial o Proxecto de Musealización do Legado do autor.

O 9 de novembro do ano 1.959 faleceu Ramón Cabanillas. Este venres, coincidinco co cabodano do ilustre escritor, o Concello de Cambados vaille render homenaxe, nun acto que xa se converteu en toda unha tradición.

A xornada vai arrancar este ano coa entrega de premios do primeiro concurso de poesía e relato curto ‘Cambados Mar de Letras’, creado polo instituto Francisco Asorey e o Concello.

A entrega de premios terá lugar ás 11 da mañá. Xa pola tarde, contra as seis, terá lugar a presentación oficial do Proxecto de Musealización do Legado Cabanillas. Segundo avanzan, a intención é converte-la casa natal do poeta nun espazo onde se custodie nas mellores condicións todo o material do autor, dispoñible para consultas e investigacións. A parte máis lúdica sobre a vida e obra de Cabanillas pasará a albergala o primeiro andar de Exposalnés. O encargado de explica-los detalles será o seu deseñador, Pepe Barro.

Posteriormente, sucederanse os actos de homenaxe propiamente ditos: a ofrenda floral, lectura dos seus poemas, ante a súa figura no Paseo da Calzada, e un concerto a cargo do grupo Cantigas e Agarimos no Auditorio da Xuventude.

A maiores, co fin de perpetuar a memoria do poeta, a Concellería de Cultura está preparando un “Roteiro Cabanillas” que a través de vintecatro puntos dispersos por Cambados pretende dar a coñecer a súa vida e traxectoria.