A Illa terá, por vez primeira, un plan de Igualdade de Oportunidades entre homes e mulleres

A ILLA> A Illa de Arousa contará, por vez primeira, cun plan de Igualdade de Oportunidades. O documento, que será aprobado no Pleno do vindeiro xoves, trata de engloba-lo conxunto das políticas a prol da igualdade impulsadas dende o Concello e os colectivos sociais do municipio. Na sesión de pasado mañá tamén se darán novos pasos administrativos para a posta en marcha da reforma das Casas Modernistas.

O primeiro Plan de Igualdade de Oportunidades da Illa de Arousa está a piques de ser unha realidade. O goberno insular leva meses traballando nel e, previsiblemente, quedará aprobado no Pleno do vindeiro xoves.

O documento pretende engloba-las políticas de igualdade entre homes e mulleres de toda a sociedade arousá, dende a administración ós colectivos sociais. O Plan contempla a celebración de meses participativas, nas que se implique a Policía Local, os servizos sociais, asociacións e tamén o conxunto da veciñanza.

A sesión tamén abordará unha petición da asociación ESMAR contra a violencia machista. O colectivo busca apoios nos diferentes concellos do Salnés para instar á Xunta á creación dun punto de encontro familiar. A moción vai ser presentada polo grupo socialista.

No Pleno deste vindeiro xoves tamén se van dar novos pasos administrativos para a reforma das Casas Modernistas, un proxecto que pretende converter estes inmobles en espazos para servizos culturais e sociais.Na sesión de pasado mañá nomearase ó arquitecto redactor do proxecto, Manuel Gallego, director de obra.

Segundo o rexedor, a sinatura do contrato podería producirse xa a finais desta semana ou comezos da que vén. As obras arrancarán, previsiblemente, antes de que remate este mes de novembro.