A Deputación presenta un orzamento de 158 millóns para o 2019

69

PONTEVEDRA> O orzamento da Deputación de Pontevedra para o 2019 será de case 158 millóns de euros. O Plan Concellos, iniciativa destacada polo bipartito, contará con 43,4 millóns de euros. A débeda reducirase un ano máis, quedando en 7 millóns.

A presidenta e o vicepresidente da deputación presentaron esta mañá os orzamentos da entidade provincial para o vindeiro ano. Destacaron o crecemento constante dende o comezo do mandato no 2016 e a redución da débeda, que pasará dos 39 millóns do 2015 ós 7 do 2019.

Carmela Silva salientou tamén que se contiveron os gastos correntes cun incremento para o próximo exercicio dun 1,6% e que se cumpriron os requisitos marcados polas leis do Estado.

O Plan Concellos seguirá sendo a iniciativa principal de investimento, con 43,4 millóns, o que supón que medra un 3,3 % con respecto ó ano anterior. Con este programa, a deputación transfire ós concellos de menos de 50.000 habitantes fondos propios para obras e servizos; emprego e actividade de gasto corrente.

O vicepresidente explicou que dos 158 millóns de euros que se aprobarán para 2019, 80 irán para o sostemento da propia administración e os seus servizos (Príncipe Felipe, Mouriscade, Areeiro, Museo de Pontevedra, Escola de Cantería…) mentres que 78 quedan sen compromiso e irán destinados na súa maior pare ós concellos, ós que se transferirán 54 millóns. O resto destinaranse á Universidade, padroados, e a actuacións de mellora e mantemento do viario provincial, entre outros.