Escaparates empapelados no comercio local para reivindicar que sen eles ‘non hai vida’ nas vilas

VILAGARCÍA> Imaxinan a súa vila sen tendas? En boa parte das localidades da nosa contorna moitos comercios amenceron hoxe cos seus escaparates empapelados. Con esta campaña, queren chamar a atención sobre o impacto económico e social que suporía a desaparición do pequeno comercio.

Para que o conto non remate así, o pequeno comercio lanza unha chamada de atención: sen el a vida das vilas é menos vida. Durante toda esta xornada moitos establecementos da nosa contorna, como por exemplo en Vilagarcía, empapelaron os seus escaparates, creando a sensación de abandono  e desertización comercial. Os seus responsables reivindican que os seus negocios ‘crean comunidade’ e activan a economía. Advirten, ademais,  que sen eles crearíase un efecto dominó: tras de si irían caendo outros sectores como a hostalaría.

Un dos principais inimigos que atopa o pequeno comercio, máis alá das grandes superficies, son as vendas a través da internet. Dende o sector, piden á cidadanía máis concienciación. Lembran, ademais, que cando é a xente a que recorre a eles para fins sociais sempre atopan no comercio local un aliado.

A campaña está a chama-la atención de moitos dos que paseaban baixo a chuvia hoxe polo centro da cidade. Case que tódolos establecementos asociados a Zona Aberta participan na acción. Con eles, moitos outros que se sumaron á iniciativa.

As cristaleiras das tendas permaneceron cubertas durante toda esta xornada. Esta é a primeira ocasión na que o comercio vilagarciá empapela os seus escaparates. Á campaña sumáronse tamén moitos outros establecementos do Salnés e O Umia,  como Cambados, Cuntis ou Caldas.