CAMBADOS> Xa se pode visitar en Cambados a mostra Saudarte. Alumando cambadés e vilagarcián participa nesta iniciativa de Fundación Galega contra o Narcotráfico. Unha actividade que busca fomentar a creatividade entre a rapazada a través da arte. Un xeito de promover os hábitos saudables e previr a drogodependencia entre os máis novos.
Dende o ano 2010 Saudarte é unha das grandes referencias da Fundación Galega contra o Narcotráfico no impulso de alternativas de ocio que afasten á mocidade do mundo das drogas. Esta mañá inaugurábase no Pazo Torrado de Cambados a mostra que recolle os traballos elaborados pola rapazada, tanto de Cambados como de Vilagarcía.
No acto desta mañá, o alcalde e o concelleiro de cultura cambadés poñían en valor este tipo de iniciativas como ferramenta para canalizar as inquedanzas dos máis novos.
A exposición está composta por obras de alumnado do instituto Asorei de Cambados e da Academia Mon Costa de Vilagarcía. Ademais dous alumnos do colexio San Francisco de Vilagarcía tamén aportaron os seus traballos a esta iniciativa. Saudarte estará dispoñible en Pazo Torrado ata o 15 de maio.











