PONTEVEDRA> A Inspección de traballo considera inadecuadas as instalacións da Policía Local de Pontevedra no Pazo da Cultura. Así o recolle nun informe no que se propoñen 15 medidas correctoras para garantir as condicións de seguridade e saúde dos traballadores.
Tras visitar as instalacións da Xefatura da Policía Local no Pazo da Cultura o pasado mes de setembro, a Inspección de Traballo emitiu un informe no que recomenda ó Concello a reflexión sobre a idoneidade do emprazamento actual e a necesidade de buscar outro lugar de traballo para o servizo.
Para o delegado de CCOO, o informe confirma as súas previsións e denuncias.
Ante os incumprimentos detectados, o inspector recomenda 15 medidas preventivas que se deberían acometer con urxencia para garantir a seguridade do persoal. O documento indica que se ten que mudar a localización dos armeiros, situados no medio dun corredor no que poden coincidir 40 axentes nos cambios de quenda. Tamén apunta que os vestiarios son insuficientes e inadecuados e que a oficina administrativa non conta ca altura mínima. Propón tamén a elaboración dun Plan de Emerxencia e a realización dun simulacro de evacuación.
Os delegados sindicais veñen denunciando as deficiencias nas instalacións dende o 2008 e consideran que a solución sería o traslado a unha sede máis adecuada para a prestación do servizo.










