A nova comisaria de Pontevedra centrará a atención da Policía Nacional nos cidadáns

PONTEVEDRA> A nova comisaria da Policía Nacional de Pontevedra afronta o cargo poñendo o foco de atención no cidadán. Esta mañá recibiu ós medios de comunicación para falar sobre as liñas que rexerán o seu traballo á fronte do corpo.

A principal preocupación de Estíbaliz Palma serán os cidadáns, é dicir, intentará combater os delitos que contribúen a empeorar a súa calidade de vida ou a súa percepción de seguridade.

Prestarase especial atención ás vítimas relacionadas coa violencia de xénero, para o que é fundamental concienciar á sociedade de que hai que denunciar.

Tamén falou sobre os delitos tecnolóxicos, que están a experimentar un crecemento notable.

Neste ámbito o importante é, segundo a comisaria, a prevención e a formación.

Sobre o tráfico de drogas, tema policial relevante na provincia, resaltou que a competencia da Comisaría Provincial se centra na pequena e mediana escala, xa que para outro tipo de operacións existe o Grupo de Resposta Especial para o Crime Organizado.

Sobre a petición por parte dos sindicatos dun maior número de efectivos, recoñeceu que hai déficit de persoal, coma ocorre no resto de España, e que isto se nota máis nas poboacións pequenas.

Esta falta de medios é a que impide a creación de novas unidades policiais coma a demandada UPR.

Tras estas primeiras semanas de toma de contacto cos axentes e os departamentos que dirixirá, a nova comisaria visitará o resto de dependencias da provincia das que será máxima responsable.