“Urbtopías” reflexionará sobre as cidades do futuro

PONTEVEDRA> Pontevedra será punto de encontro para o debate e a reflexión sobre o futuro das cidades. O foro Urbtopías, que se celebrará no Sexto Edificio durante os meses de novembro e decembro, acollerá cinco conversas sobre os espazos urbanos do mañá, nas que participarán personalidades recoñecidas do mundo do urbanismo.

En Pontevedra falarase ó longo destes dous últimos meses do ano das cidades do futuro. Urbtopías programará no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra cinco encontros que servirán para debater e reflexionar sobre os modelos urbanos ós que queremos chegar. O foro, aberto á cidadanía, pretende recadar a opinión e participación de todos.

Tras un proceso de transformación da cidade no que se leva traballando 20 anos e sobre o que se ten falado moito noutras sedes, é o momento de que Pontevedra sexa anfitrioa dun foro coma este.

Ademais dos encontros, haberá un apartado especial dedicado ós máis pequenos, que participarán a través dunha publicación.

Os diálogos comezarán o día 22 con Miguel Anxo Fernández Lores, que conversará con Joan Clos sobre a influencia do espazo urbano no benestar das persoas.

O 29 de novembro Lidia Blanco, especialista en xestión cultural en América Latina, Vicente Granados, director do Plan Estratéxico de Málaga, Telmo Faria, ex-alcalde de Óbidos e Lola Dopico, directora da Esdemga, dialogarán sobre o poder da cultura para facer cidades máis prósperas e sostibles.

O 11 de decembro César Mosquera conversará con Fernando Nebot sobre qué levou a Pontevedra a converterse en cidade de referencia polo seu modelo urbano.

O 20 de decembro o encontro reunirá ó urbanista Joan Busquets e a Anabel Gulías, concelleira do ramo, que falarán sobre os valores da cidade.