XOGA organiza unha xornada para sensibilizar sobre a diversidade sensorial

PONTEVEDRA> A Organización de Discapacidade Sensorial e Galicia, XOGA, reunirá o vindeiro 15 de decembro a expertos do ámbito educativo, sanitario e asistencial nunha xornada aberta ó público xeral que pretende sensibilizar e visibilizar as experiencias e necesidades vitais das persoas con diversidade sensorial.

A segunda edición da Xornada de Diversidade Sensorial “Xuntos avanzamos”, organizada por XOGA, terá lugar o vindeiro día 15 no Pazo da Cultura de Pontevedra. A cita é unha das actividades organizadas con motivo do Día Internacional da Discapacidade, que se celebrou onte.

O obxectivo da xornada é dar a coñecer, sensibilizar e unir forzas e puntos de vista que melloren o entorno social das persoas con diversidade sensorial.

Participarán unha decena de profesionais do ámbito educativo, sanitario e asistencial, que abordarán a realidade das persoas con diversidade sensorial dende un enfoque positivo, atendendo ós diferentes eidos da vida e coa mirada posta na construción dunha sociedade máis inclusiva para todas as persoas, con independencia das capacidades de cada quen.

Na xornada farase fincapé na falta de regulamento da Lei 27/2007, pola que se recoñecen as linguas de signos españolas como linguas oficiais e que regula os medios de apoio á comunicación oral das persoas xordas, xordocegas ou con discapacidade auditiva, e que, despois de máis de dez anos da súa aprobación segue sen aplicarse.

Intérpretes, guiaintérpretes, mediadores sociais, logopedas, psicólogos, audiólogos, alumnos universitarios xordos, mestres,… darán conta da realidade diaria deste colectivo que aspira a vivir nun entorno accesible e inclusivo.