Pontevedra reordena o tráfico en San Roque con actuacións en Ribeira dos Peiraos, Palamios e San Roque de Abaixo

PONTEVEDRA> Cambios no tráfico na zona de San Roque, en Pontevedra. As modificacións afectarán ás rúas Ribeira dos Peiraos, Palamios e San Roque de Abaixo. O obxectivo é mellorar a mobilidade da contorna polo que ademais do asfaltado, elevaranse os pasos de peóns, instalaranse redutores da velocidade e incluso mudarase o sentido de circulación en San Roque de Abaixo. As obras desenvolveranse entre mañá e pasado.

Mañá comezan en Pontevedra as obras nas rúas Ribeira dos Peiraos, Palamios e San Roque de Abaixo. As actuacións rematarán o venres, e buscan mellorar a mobilidade e a seguridade viaria nesta zona.

Os traballos irán máis aló da pavimentación dos viais. Entre as medidas previstas, está a do cambio de sentido da circulación dos vehículos na rúa San Roque de Abaixo.

Co peche de Raíña Vitoria ao tráfico e con esta medida, os vehículos que queiran chegar ata a zona da Praza de Galicia e do centro da cidade terán que facelo ben pola Ribeira dos Peiraos, ben por Manuel del Palacio.

A reordenación centrarase tamén noutro punto conflitivo. Trátase do paso estreito que hai entre a parte traseira do instituto Sánchez Cantón e a entrada ao ximnasio Mace Sport, xa na rúa Palamios.

As obras afectarán tamén aos aparcadoiros libres da zona. Gran parte quedarán reservados como servizos para atender as necesidades das dúas escolas infantís da zona. Ademais, elevaranse tres pasos de peóns en Ribeira dos Peiraos, Palamios e San Roque de Abaixo e instalaranse outros catro redutores de velocidade.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí