Os bombeiros de Boiro e Ribeira denuncian carencias relativas á súa seguridade laboral

BARBANZA> O comité de empresa de Veicar, firma que xestiona os parques de bombeiros da provincia da Coruña, entre os que se atopan o de Boiro e Ribeira, pide unharápida solución a estes problemas que afectan ó bo desenvolvemento do seu traballo.

Entre outras cuestións o persoal destes parques quéixase de que dende o pasado mes de xullo o número de botellas de aire comprimido para os equipos de respiración autónoma é moi limitado, ó estar só operativas unha cuarta parte das que tiñan a primeiros de ano, e as outras deixarán de estar aptas para a súa utilización en decembro.

Tamén fan alusión a que dende outubro as cordas e o material de rescate en altura non pode ser empregado ó non estar tampouco ó día en canto a revisións de seguridade, descoñecéndose se son aptos para o seu manexo.

Dende o comité de empresa tamén apuntan ó pésimo funcionamento do sistema de reposición do vestiario, ata o punto de que moitos dos bombeiros levan meses agardando pola roupa.

Trátase en definitiva de cuestións importantes que repercuten na súa propia seguridade, que están a a dificultar tamén o normal desenvolvemento das emerxencias. Aspectos todos eles que dende o Comité agardan que sexan resoltos coa maior celeridade posible por parte de Veicar e do Consorcio Provincial de Bombeiros co fin de evitar a paralización da actividade en asuntos tan delicados como a extinción de incendios ou o salvamento e rescate.