Os kiwis de Santa Clara, para o comedor de San Francisco de Pontevedra

PONTEVEDRA> A primeira colleita de kiwis da finca de Santa Clara dende que o convento se converteu en propiedade do concello de Pontevedra ten un destino solidario. Esta mañá, fíxose entrega duns 100 quilos desta froita ao comedor de San Francisco, que atende a numerosas persoas con poucos recursos da cidade. Os seus responsables aseguran que de media son 160 persoas as que recorren a eles cada día.

Caixas repletas de kiwis descargáronse esta mañá en San Francisco. O concello de Pontevedra decidiu que a primeira colleita desta froita da finca de Santa Clara como propiedade municipal fora para o comedor social que xestiona esta orde.

Dende o goberno local calculan que o entregado podería chegar aos 100 quilos de kiwis. Poden parecer moitos pero dende o comedor aseguran que alí non se estraga nada.

E é que son moitas as persoas con poucos recursos da cidade que recorren a diario ao comedor de San Francisco. Onte, explican, entregaron 180 comidas. Calculan que a media pode estar nas 160 cada día.

Dende o comedor, que actualmente dirixe Humberto González, aproveitaron para facer un chamamento á poboación: se están pensando en facer algunha doazón de alimentos, os embutidos e os spaghetti son os que máis precisan.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí