PONTEVEDRA> Mantéñense abertas todas as hipóteses en relación co tráxico suceso rexistrado onte en Pontevedra. Pouco antes das 9 da noite un mozo de 18 anos faleceu despois de ser rescatado do río Gafos, á altura da ponte da rúa Rosalía de Castro, con feridas de gravidade. Polo de momento, non hai ningunha persoa detida por estes feitos. A Policía Nacional mantén varias liñas de investigación.
Todas as hipóteses están abertas na investigación sobre a morte dun rapaz de 18 anos onte en Pontevedra.
Os feitos rexistráronse pouco antes das 9 da noite, na contorna da pasarela de madeira da rúa Rosalía de Castro. Os servizos de emerxencias foron alertados despois de que se localizara un mozo no leito do río Gafos. Cando foi retirado da auga, a vítima estaba en estado moi grave. Os sanitarios conseguiron estabilizalo no punto para trasladalo a un centro sanitario, pero finalmente faleceu no Hospital Montecelo.
Aínda que inicialmente se informara de que a Policía Nacional detivera unha persoa, hoxe esta versión foi desbotada. Os axentes si interrogaron un menor de idade que se atopaba co falecido.
Agora as pesquisas diríxense a aclarar as circunstancias do falecemento deste mozo. A Policía Nacional, que se encarga da investigación, terá que determinar se a morte foi accidental ou se se produciu algún suceso previo que rematou no fatal desenlace.











