O PP ‘lamenta pero respecta’ a decisión dos concelleiros de Barro de abandonar a formación

BARRO> O PP lamenta a decisión dos concelleiros de Barro de abandona-la formación. Con todo, os populares din respecta-la marcha de Landín e outros dous edís, que agora van pasar ao grupo dos non adscritos. O secretario dos populares da provincia de Pontevedra asegura que o propio Landín xa lle manifestara en numerosas ocasións que quería abandona-lo partido, de aí que se constituíra unha xestora -di- sen contar con el e os seus afíns.

A marcha de tres dos catro concelleiros do PP de Barro deixa nunha situación máis que delicada á formación a nivel local. José Antonio Landín, José Suárez e Emilio Martínez  pasarán ao grupo dos non adscritos . Unha decisión que, no PP provincial, din respectar.

O aínda secretario dos populares da provincia de Pontevedra lamenta a marcha dos tres concelleiros críticos. Con todo, Luis López indica que mantivo con eles distintas conversas, incluído Landín. A fractura, dá a entender, era irreparable.

O detonante chegou co nomeamento dunha nova xestora no PP local, presidida por Eduardo Ruadas, pero que excluía a Landín e aos seus concelleiros afíns. A súa marcha do grupo popular farase efectiva no vindeiro pleno, previsiblemente a finais de xullo. Na bancada dos populares quedará só un concelleiro, Alberto Diz, que pasará a se-lo seu voceiro.

A crise desatada en Barro prodúcese ás portas do congreso provincial do PP no que Luis López será elixido presidente. Hoxe é o último día de campaña interna para ese proceso para elixi-lo substituto de Rueda. O candidato único di que remata o proceso satisfeito.

E indica que o principal obxectivo do novo equipo será a cita coas urnas do ano que vén para recupera-lo terreo perdido no 2019.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí