Rías Baixas despide a vendima con 38,5 millóns de quilos de uva recollida

SALNÉS> 38 millóns e medio de quilos de uva recollidos neste 2018. Este é o balance final que fai a Denominación de Orixe Rías Baixas, co que dá por pechado a vendima deste ano. Unhas cifras que veñen confirmar a sensación que xa existía no sector.

Esta cifra deixa a vendima deste ano algo menos dun 2% inferior á da campaña pasada. Un final especialmente bo, tendo en conta que o arranque non acompañou os viticultores.

Como xa é habitual, a subzona do Salnés concentrou a gran maioría da produción de Rías Baixas. De feito, máis dun 65% da uva recollida procedía desta comarca, superando os 25 millóns de quilos.

Pero para dominio absoluto, o do albariño. As variedades brancas son as maioritarias, supoñendo máis dun 99%. Entre elas, a albariña é a raíña, con 97% do total. Síguenlle a caíño branco, a treixadura e a loureira. Pola súa banda, recolléronse algo máis de 300 mil quilos de variedades tintas, na súa gran maioría na subzona do Condado do Tea.

Con estes máis de 38 millóns e medio de quilos de uva, a Denominación de Orixe prevé elaborar uns 26 millóns de litros de viño. Contía que lle permitirá atender a demanda dos mercados galego, español e internacional.

Mentres nas adegas están a probar os primeiros froitos desta colleita, no viñedo agora é o momento de descanso.

Nesta campaña participaron máis de 5.200 viticultores, que recolleron uva en algo máis de 4.000 hectáreas repartidas en 21700 parcelas para 183 adegas inscritas. O Consello REgulador empregou o sistema de auditoría, no que traballaron 25 veedores.