VILAGARCÍA> Trinta anos despois da primeira experiencia, a Fundación Galega contra o Narcotráfico impulsa a segunda edición do Congreso de Lexislación Antinarcotráfico. Trátase dun foro que busca poñer sobre a mesa solucións a través de conferencias e mesas de traballo nas que van participar membros das forzas e corpos de seguridade do estado, profesionais da adminitración de xustiza, representantes políticos e a sociedade civil.
A Fundación Galega contra o Narcotráfico advirte do escenario ‘altamente preocupante’ que estamos a vivir, con sobreprodución mundial de drogas e unha alta capacidade de distribución a través de numerosas redes asentadas en España, a pesar do excelente traballo da Policía Nacional, Garda Civil, Vixilancia Aduaneira e a administración de xustiza. Neste contexto, organizan o segundo Congreso de Lexislación Antinarcotráfico, coincidindo co trinta aniversario da celebración da primeira edición deste foro.
O congreso vaise celebrar este xoves e venres na sede da Academia Galega de Seguridade Pública na Estrada. A través de conferencias e mesas de traballo, abordarán medidas que acaban de ser expostas na Comisión Mixta de Adicións do Congreso.
Así que porán o foco en eidos como a reincidencia de narcotraficantes a gran escala, que demandan que sexa un agravante específico; ou a intelixencia policial ao descuberto.
Propoñen tamén revisar os criterios para pertenza a organización criminal, cambios lexislativos para facilitar a intervención policial nos narcopisos ou a venda anticipada dos bens inmobles, do mesmo xeito que os bens mobles.
Nas xornadas participarán representantes políticos, expertos legais, xuíces, fiscais e letrados da administración de xustiza e membros dos corpos e forzas de seguridade do Estado.











